Programa madriñas/padriños

  1. O persoal do centro será o que decida que animais se poden apadriñar (con dereito a paseo) e cal é o mellor candidato para cada caso. Aínda que, dentro do posible, se a madriña/padriño ten preferencia por un can/cadela frente a outro o centro teralo en conta á hora da asignación do afillado/a.
  2. Cada padriño/madriña paseará unicamente ao seu afillado.
  3. Rogamos que se cumpran os horarios para así facilitar a labor de todos. Hai que ter en conta que no Refuxio hai outras tarefas: limpar gaiolas, atender a posibles adoptantes, entregar animais adoptados, vacinacións, revisións, etc.
  4. Para axilizar, os padriños agardarán nas portas de saída dos módulos xunto con persoal do centro ou co voluntario responsable. Logo de que se lle entregue o can, sairase inmediatamente fóra do recinto pois o estar por entre os módulos produce excitación entre os animais e en consecuencia pelexas, algunhas con moi malos resultados.
  5. Non se poden usar correas extensibles (flexis) durante os paseos. Este tipo de correas non aporta un control eficaz do can que poida previr riscos propios ou alleos; teñen un alto risco de queimaduras e cortes por fricción co cordón de nylon se o can sae correndo e o propietario se atopa despistado; en caso de fuxida en cans sobre todo medosos, o son que provoca a caída da correa flexi ao chan pode asustalo máis, etc.
  6. Non dar de comer aos cans. Pódeselles dar de xeito puntual algunha pequena cantidade de lambetadas, premios para que se afagan ao seu novo padriño e a pasear con correa. Dar comida en grandes cantidades, así como a outros animais que están nas gaiolas, pode ser prexudicial xa que os animais teñen un gran olfacto e ao cheirar a comida nos seus caniles poden pelexarse. Se se lles dá comida durante o paseo ao entrar no seu canil o resto chéirao e pode provocar pelexas. Así mesmo, pode ocasionar problemas gastrointestinais por non estar acostumados a iso: diarreas, vómitos, etc. Algúns logo non queren comer o penso co que se alimentan diariamente.
  7. Non soltar nunca o can, nin dentro nin fóra do recinto.
  8. Manter unha distancia prudencial respecto a outros animais durante o paseo para evitar posibles enfrontamentos. Sempre hai que ter precaución porque aínda que saibamos como é o can que nós sacamos de paseo, non coñecemos ao resto dos cans.
  9. Non se pode deixar nunca sós a menores polo recinto nin sós co seu apadriñado. Así mesmo, se algún padriño vén acompañado do seu propio can, debe traelo con correa e non deixalo nunca solto dentro do Refuxio, pola súa propia seguridade.
  10. Unha vez devolto o animal ao seu canil, rógase que se abandone o centro na maior brevidade posible para evitar alterar aos animais máis do necesario e evitar posibles pelexas entre eles.
  11. Deixar sempre as portas pechadas polas que se acceda.
  12. Calquera incidencia que se queira notificar sobre os animais deberá transmitírselle aos voluntarios ou persoal do centro que se encargue da recollida dos cans. Este logo será remitido á veterinaria e/ou á Dirección segundo proceda.
  13. Non fumar en todo o recinto, tanto en zona pechada como aberta.
  14. Non se admitirán faltas de respecto nin cara ao persoal do centro, voluntarios, nin cara á outros padriños ou usuarios do Centro.
  15. Grazas a todos pola vosa colaboración.

 

Olalla García

Directora da Fundación Refuxio de Animais

¡¡GRACIAS POLA VOSA COLABORACIÓN E AXUDA!!