Zoa

Zoa

zoaOla a tod@s,

O meu nome é Zoa, nome co que me bautizaron e me ofreceron unha nova vida no Refuxio; por iso, hoxe, síntome na necesidade de agradecer a todos os voluntari@s e traballador@s do Refuxio así como a todos os colaborador@s e a toda a xente que, dalgunha maneira, fai posible que cans, cadelas, gat@s… poidan atopar unha familia e comezar unha nova vida. A tod@s eles, moitas grazas. Tamén quero mandar unha mensaxe de ánimo a todos os meus compañeir@s, recordarlles que hai moitas familias dispostas a colaborar e a dar cariño.

Eu coñecín a miña familia xa fai case 7 meses nunha das moitas baixadas que facíamos para dar a coñecer a labor do Refuxio e a dramática situación pola que estamos a pasar; agora, aos meus xa 6 anos, teño unha familia que me quere e que di que son a raíña da casa!; os reis son outros, Mateo e Coco, dous gatiños adoptados cos que comparto numerosas aventuras. E a familia crece e estamos a espera dun bebe, ao que terei que dar todo o meu cariño.

Na miña casa sempre din que trouxen moita felicidade.

Un saúdo moi grande

ZOA